SEMENTANDO FUTURO. Obradoiros de emprego e emprendemento

Ferrol, 23, 24 e 30 de outubro, e 6 de novembro

Nun momento de cambios constantes e en que o mercado laboral resulta cada vez máis esixente, cómpre adquirires as ferramentas prácticas e experiencias que che axuden a prepararte para o teu futuro profesional.

Estas xornadas impulsadas desde o Campus Industrial de Ferrol nacen para acompañarte nun proceso de desenvolvemento persoal e profesional, a propoñerche actividades dinámicas que favorecen a reflexión, a acción e a conexión co mercado laboral.

A través de metodoloxías innovadoras e actividades prácticas, poderás coñecerte mellor, identificar os teus puntos fortes e trazar o teu propio camiño cara ao teu emprego ideal, para posteriormente introducirte no mercado laboral cunha preparación abonda.

O talento é como unha semente, e cada estudante ten dentro de si o potencial para medrar. Igual que unha planta necesita tempo, coidado, auga, fertilizante, luz e estímulos para crecer, necesitas pasares por un proceso similar.

Esta proposta estrutúrase en catro fases: a semente, a rega, o fertilizante e a colleita como metáfora dun proceso necesario, vivo e continuo.

  • 00Días
  • 00Horas
  • 00Minutos
Concello de Ferrol
Xunta de Galicia
23 Outubro

De 16:30 a 19:30 h

A semente

Quen es e que queres? Talent Lego Lab

Obradoiro práctico con Pablo López, de Implicatum, experto en metodoloxía Lego Serious Play. O obxectivo é explorar as túas fortalezas e os teus obxectivos profesionais empregando pezas de LEGO. Isto resulta ideal para traballar a identidade e o autocoñecemento, a toma de decisións e a visión de futuro. LEGO Serious Play é unha metodoloxía que fomenta a reflexión, a construción e a creación de metáforas que se converten en espazos de análise, debate e convivencia de persoas, ideas e proxectos.

24 Outubro

De 10:00 a 13:00 h

O fertilizante

Empregabilidade, camiña cara ao teu emprego ideal

Sesión interactiva con Sergio Farré, asesor de carreira e especialista en emprego. Descubre como construír unha marca persoal coherente, un currículo con impacto e unha presentación relampo memorable, amais de como identificar as claves actuais da empregabilidade.

30 Outubro

Todo o día

FESTALENT. Feira de Empresas e Talento do Campus Industrial de Ferrol

A Feira de Empresas e Talento FESTALENT do Campus Industrial de Ferrol é a túa oportunidade para conectar co futuro profesional que estás construíndo e sacar partido do autocoñecemento e as habilidades que adquirirás nos obradoiros. Máis de 40 entidades agárdante o 30 de outubro no Pavillón Municipal de Esteiro.

Concello de Ferrol
Xunta de Galicia
30 Outubro

18:30 h

A rega

Constrúe hoxe o mañá que queres

Clase maxistral con Miguel Navarro, mentor, formador e empresario, CEO e fundador de Productividad Feroz. Nesta sesión falaremos de como acertar, de como diferenciarte nun mercado onde moitas persoas compiten e poucas destacan.

A vida é decidir e construír o camiño cara aos teus obxectivos, non conformarse con agardar por eles.

Non se trata de facer máis, senón de facer mellor para alcanzar o teu emprego ideal e poder salientar nun mercado laboral cada vez máis esixente e competitivo.

6 Novembro

De 16:30 a 19:30 h

A colleita

Relatorios e encontros con emprendedores/as

Relatorios con cinco persoas emprendedoras de éxito de diferentes sectores e conexión rápida, un espazo dinámico onde terás unha oportunidade para compartir ideas de emprendemento, facer preguntas clave, recibir consellos profesionais e fortalecer a túa rede de contactos nun ambiente inspirador.

Scroll al inicio